Wednesday 15 de May de 2024

“Homes”: fotografía e silencio ao servizo da lembranza


Sétima estrea virtual do proxecto audiovisual Chanfaina Lab

A última estrea virtual do proxecto Chanfaina Lab é un frasco cheo de esencias que se destapa lentamente e sen grandes sobresaltos. Diana Toucedo, a súa directora, parte dun artigo en Fálame de San Sadurniño sobre os falecidos na Guerra Civil para construír unha visión distinta sobre o que debeu supoñer aquel conflito. E faino convidándonos a mirar a pantalla de vagar mentres estampas femininas, coma pantasmas do pasado, tinguen fugazmente sempre o mesmo lugar: a cociña da casa. “Homes” é un filme “para deixarse levar”, tal e como se describe na ficha técnica en Fálame… Unha peza exquisita pola fotografía, pola cor e polo falso silencio que semella envolvela para que nada nos despiste do que importa, lembrar e empatizar ao mesmo tempo co pasado.

En Fálame de San Sadurniño explícase que a xénese de “Homes” comeza tras da lectura dun artigo publicado en Fálame de San Sadurniño , Mortos en combate en 1938. Á directora pareceulle “sorprendente” a listaxe de mortos ou desaparecidos da Guerra Civil “nun pobo tan pequeno como San Sadurniño”, e por iso decidiu partir “desta ferida aberta da nosa historia desde o punto de vista feminino e centrala no ámbito das mulleres ás que normalmente non se lle da voz nestes temas”.

Toucedo elixiu a cociña como “núcleo doméstico da casa, como o centro neurálxico da muller no rural que agarda novas dos ausentes, porque non saben se o seu pai ou fillo aínda están vivos ou onde poden estar os seus corpos mortos”. A directora redondelá asegura que, ao mesmo tempo, tenta “explorar esa capacidade que ten o cinema de que un tempo pasado poda tornarse presente. Os tempos e a historia son revisábeis e revivíbeis en certa medida como tento facer neste filme, grazas a recursos como a utilización das transparencias das mulleres -case pantasmais e suspendidas no tempo- que agardan na cociña”.

Porén, unha cousa é o concepto e outra moi distinta conseguir transmitilo. Sabedora diso, Diana Toucedo botou man dunha fotografía que incluso nas proporcións nos sitúa no imaxinario audiovisual do pasado. Cámara fixa, imaxes compostas en catro terzos e iluminadas con total precisión que louvan por si mesmas o traballo de Iván Castiñeiras. Fotografía e realización envólvense tamén con texturas sonoras -gracias a Oriol Gallart- e con outras, as que impregnan a retina, cun sutil equilibrio de luz, sombra e cor -obra de Lara Vilanova- para lograr a uniformidade do discurso de principio a fin.

En Fálame de San Sadurniño propónsenos a visionar “Homes” sen pensar demasiado, pois o filme convida máis ben a sentir, a deixarse levar, a poñerse no sitio destas mulleres e experimentar o que puideron sentir cando agardaban novas dos seres queridos, ausentes por unha guerra non desexada e inxusta. “Situacións de incerteza que aínda segue aberta e sen resolver nalgúns casos -a pesares dos anos transcorridos-, unha ferida endexamais cicatrizada, mais que continúa a sangrar noutros lugares e tempos do planeta como na guerra de Siria hoxe.”, explica a ficha da obra. “É cuestión sentir e non de pensar” afirma a cineasta Diana Toucedo para condensar esta gran historia universal contada dende as humildes cociñas das aldeas de San Sadurniño.